martes, 1 de diciembre de 2009

A tecnoloxía contra os malos tratos

Deseñan un sistema de localización permanente e unha plataforma para protexer ás vítimas da violencia de xénero dos seus agresores.
A violencia de xénero é un dos temas que máis preocupa á sociedade actual, as grandes campañas mediáticas tentan animar ás persoas maltratadas a denunciar a súa situación, e a lei trata de axustarse ás necesidades das vítimas na medida do posible. A ciencia tamén atopou a súa forma de axudar. Un grupo de expertos da Universidade de Sevilla está a deseñar un sistema tecnolóxico para avisar á vítima cando o maltratador estea preto, segundo informa Innova Press.
Trátase do equipo de investigadores ACE-Ti (Aplicacións cibernéticas da electrónica e as tecnoloxías da información) e o proxecto recibiu o nome de Fénix. A idea é crear unha plataforma que permita saber cando o maltratador está a incumprir unha orde de afastamento para avisar aos servizos de emerxencia correspondentes e por suposto á propia vítima.
Este sistema foi deseñado combinando as tecnoloxías GPS e Bluetooth, e funciona mediante comunicacións inalámbricas de forma eficaz. A vítima leva un dispositivo móbil para ser alertada si o agresor está nun perímetro próximo. A aplicación está tamén conectada cunha plataforma fixa que envía un sinal de emerxencia por Internet aos servizos pertinentes.
O investigador responsable do proxecto, Federico Barreira, subliña que a incorporación do programa 'blue tooth' permite que este tipo de seguimento poida realizarse tamén no interior dun edificio, un espazo para o que o sistema GPS non consegue ter un alcance tan definido.
Este proxecto aínda se atopa en fase experimental, aínda que os expertos participantes confían en conseguir un produto comerciable para finais deste ano, e engaden que esta aplicación pode estenderse a outros servizos, por exemplo, o seguimento de persoas con discapacidade visual.
O 25 de novembro foi o Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero, e por tanto un bo momento para apoiar este tipo de iniciativas que perseguen a seguridade das vítimas dos malos tratos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario